Normas de convivencia

1.- RESPECTO CARA AOS MEMBROS DA COMUNIDADE EDUCATIVA:

1. Valoramos o respecto e a consideración por todas as persoas que nos rodean en todos os espazos do recinto escolar e durante as distintas actividades, saídas e visitas que organiza o colexio.

2. En todo momento debemos ser respectuosos con todos os membros da Comunidade Educativa (compañeiros, profesorado, persoal de servizo e administración, animadores, monitores, adestradores, familias…) e non teremos con eles ningunha falta de consideración ou respecto coa nosa actitude, palabra, xesto ou a través de calquera canle de comunicación tecnolóxica.

3. É de boa educación saudarnos; non podemos descoidar as regras básicas de cortesía.

4. Coidamos a linguaxe corporal, oral ou escrita evitando palabras ou expresións malsoantes e insultos.

5. Escoitamos con atención a opinión dos demais, evitando calquera burla ou comentario descortés.

6. Respectamos as instalacións (aulas, corredores, patios, salas audiovisuais e de conferencias, biblioteca, laboratorios, obradoiros e pavillón) e coidamos os materiais que están á nosa disposición.

7. Deixamos as aulas que empregamos ben ordenadas para o grupo seguinte.

8. En cumprimento da normativa legal vixente e para favorecer a nosa saúde e a dos que nos rodean, non podemos fumar en todo o recinto colexial (patio incluído).

9. En cumprimento da normativa legal vixente está totalmente prohibida no recinto escolar a posesión, consumo ou distribución de substancias prexudiciais para a saúde.

2.- ASISTENCIA E PUNTUALIDADE NO COLEXIO:

1. Acudimos ás clases e aos actos organizados no Colexio con puntualidade. A asistencia é obrigatoria.

2. Procuramos, no que dependa de nós, que as citas médicas non coincidan no horario lectivo.

3. Xustificamos de antemán as nosas ausencias ou atrasos previstos utilizando un xustificante que será entregado ao titor/a do grupo ou mediante unha chamada a secretaría do centro. As non previstas xustificámolas cunha chamada a secretaría por parte dos nosos pais ou titores legais ou cun xustificante por escrito ou un e-mail dos nosos pais ou titores legais á volta a clase.

4. Se faltamos a algunha sesión anterior a un exame importante fixado (parcial ou de avaliación, por exemplo), non podemos examinarnos nese día e debemos preguntar ao profesor/a da materia en que momento o realizaremos. Calquera exame feito nestas circunstancias será anulado.

  • Para alumnos de ESO ata 2º de BACH., por “sesión anterior” enténdese tamén as dúas sesións do martes pola tarde.
  • Caso excepcional será a presentación dun xustificante médico da ausencia ao profesor/a.

3.- NAS CLASES, NOS INTERCAMBIOS E NOS MOVEMENTOS POLO COLEXIO:

1. Tanto na clase coma nos intercambios non comemos nin bebemos (gomas de mascar, caramelos, pipas, botellas de auga, etc.).

2. Non saímos da aula durante os intercambios, aproveitamos para preparar o material da seguinte clase, a non ser que teñamos que acudir a outra aula para a seguinte sesión.

3. Tan pronto como o profesor/a entra na aula estamos dispostos para comezar a clase.

4. Facemos os nosos desprazamentos polo colexio (corredores, escaleiras…) con orde, procurando camiñar con axilidade e falando baixo para non entorpecer o traballo doutros grupos.

5. Cando teñamos que saír da aula de forma excepcional, por exemplo para ir ao baño ou falar con algún profesor, debemos pedir permiso ao profesor que entra e non ao que sae.

6. Durante as clases e nos intercambios non podemos deixar o noso grupo e ir por conta e decisión propia a outro lugar do colexio (Secretaría ou algunha outra aula ou instalación) para facer fotocopias, pedir o vale do comedor, buscar, entregar ou recoller material ou documentación persoal. Só podemos facelo con permiso explícito do profesor que se encontre nese momento na aula.

7. Mantemos a aula e corredores limpos e en orde: empregamos as papeleiras e non escribimos ou raiamos nos pupitres, paredes…

8. Asistimos a clase con roupa axeitada e coidamos o noso aseo persoal.

9. Todos os aparellos electrónicos persoais deben estar totalmente desconectados en todas as instalacións do edificio colexial (aulas, corredores e patio) e durante o horario lectivo, prestando especial atención aos nosos teléfonos móbiles, dos que somos responsables en todo momento cando os traemos ao colexio. Neste sentido, se precisamos comunicarnos coa nosa familia ou recibir algunha información dela, farémolo dende e a través da Secretaría do colexio.

10. Non está permitido fotografar e/ou gravar imaxes e/ou sons durante o horario lectivo no recinto colexial (patio incluído) sen autorización previa.

4.- DURANTE OS RECREOS:

1. Non quedamos na clase nin nos corredores ou escaleiras: o recreo é un tempo no que precisamos descansar e tomar azos para o resto da mañá.

2. En cumprimento da normativa legal vixente, os alumnos da ESO permanecemos no recinto colexial durante o horario lectivo e non saímos á rúa.

3. Estamos atentos a chegar con tempo suficiente a clase á volta do recreo.

4. Empregamos as papeleiras do patio para depositar o lixo e contribuír así á limpeza e conservación do noso contorno.


Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies